Asociación de veciños do Saviñao

O Saviñao
Os veciños poderán acceder a descontos nos servizos de balneario

03/12/2010 - El Progreso (O Saviñao)

A asociación de veciños do Saviñao logrou un acordo coa dirección do balneario de Augasantas, en Pantón, para que os veciños do municipio poidan acceder a unha serie de descontos á hora de utilizar os servizos do complexo.

Segundo comunicou o colectivo, os empadroados no Saviñao poderán gozar dun 20% de desconto nos tratamentos que se ofrecen nas instalacións, doutro 20% nas estancias no complexo e dun 10% no circuíto acuático. Para acceder ás reducións no prezo os usuarios deberán acreditar a súa residencia no Saviñao mediante un certificado de empadroamento expedido polo propio Concello.

A política de descontos xa se puxo en marcha cos veciños doutros municipios como Pantón, Monforte, Chantada e Sober e desde o colectivo do Saviñao reclamáraselle á administración local que fixese as xestións para contar tamén con prezos especiais. Ante a despreocupación do equipo de goberno local polo tema a asociación interveu e solicitou unha reunión coa directiva do balneario para lograr a medida.

Antecedentes

A asociación de veciños do Saviñao conta con pouco máis dun ano de vida.

O colectivo fundouse para loitar polos dereitos dos residentes no municipio.