Cousas que pasan por Escairón


A asociación de veciños do Saviñao, contra os cambios no escudo municipal



23/11/2010 - El Progreso (O Saviñao)

A agrupación veciñal do Saviñao, coordinada por Manuel Sarmiento, presentou no Concello unha serie de alegacións contra as modificacións que pretende realizar a Comisión de Heráldica de Galicia sobre o escudo municipal para oficializarlo. Ata o momento, aínda que o actual úsase desde outrora incluso por parte de organismos oficiais, como tal non estaba rexistrado.

Manuel Sarmiento e o resto da directiva da asociación puntualizou que un dos maiores rexeitamentos está «na imposición da coroa real» sobre o deseño existente e a perda da figura ovoidea que o caracteriza en beneficio dunha forma circular. A maiores, a Comisión de Heráldica indica no seu novo deseño que o sol que predomina no escudo pase a estar encastrado noutro de armas.

Manuel Sarmiento indicou que a asociación rexeita a coroa real porque «no Saviñao nunca houbo dependencia real». En canto ao resto, estima que, por exemplo,«meter o sol nun escudo de armas, lonxe de refrexar o sentido do culto ancestral ó astro, acércao ó bélico e militar».

O portavoz da asociación cre que os cambios propostos non enriquecen o escudo. «Todo o contrario porque o actual escudo é máis perdurable ó longo do devir histórico, xa que os rexímenes poden cambiar e a adopción da simboloxía real nas administracións pode perder senso».

Sarmiento insiste en dicir que o Concello debe manter «a sinxeleza do sol prerromano do escudo» e achegue todo tipo de estudos o documentos que ratifiquen a súa validez. Engadiu que hai varias agrupacións, como o Círculo O Saviñao, que tampouco ven correctos os cambios.


ENTREVISTA


Xabier Quiroga Díaz: ''Semella que os que mandan nunca leron un libro en galego''

19/11/2010 - Ana Rodil / El Progreso (Monforte de Lemos)

NACEU en Vilasante, Escairón, e é licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa e Hispánicas. Xabier Quiroga Díaz é profesor de instituto en Lalín e escritor. En moitas das súas novelas hai referencias claras ó Saviñao.

Cando e como sente Xabier Quiroga a paixón por escribir?

Sempre me sentín atraído polos libros, fundamentalmente polas novelas, pero tamén polas historias que contaban os vellos, polos contos que os da aldea lembraban ou inventaban, polas películas e por todo o fabuloso mundo de ficción e realidade que a mente humana pode crear. E xa de novo escribía, pero sen dalo a coñecer aos demais. Pero tampouco creo que nacese con esa suposta paixón, porque na miña familia non houbo precedentes. Iso si, foise alimentando cos anos e coas lecturas.

Como dá o paso para sacar adiante a súa primeira novela, 'Atuado na Braña'?

Presentei esa novela ao Premio Xerais 2001 e non tiña moitas esperanzas, pois non cría que a tivesen en conta pola súa extensión. Para a miña sorpresa, resulta que quedou finalista e, tamén sen esperalo, porque non se publicaban os textos finalistas, a editorial Xerais chamoume e propúxome editala. Adiante, dixen.

Despois chegaron 'Era por setembro', 'Se buscabas un deus' e 'O Cabo do Mundo'. A Guerra Civil, os paseos e outros aspectos relacionados co franquismo son temas ós que se fai alusión nas súas novelas. Ten querenza por esa temática?

Pois si. Sempre me interesou saber do terror que sementan os gobernos, os que mandan, e moito máis se toca ás xentes da zona onde nacín, onde me criei e na que respiro o que é propio. No ano 2006 xa entrei en profundidade no tema, entrevisteime con certas persoas e lin moito material publicado para documentar a historia. Opino que a Guerra Civil e o que trouxo detrás dá para centos de magníficas e intensas novelas.

Tamén nas súas novelas se repite o esquema de mesturar pasado e presente, de buscar nas raíces.
É unha constante da miña obra, desde logo. No pasado está a explicación do que somos e aí temos que mirar, sempre coa memoria disposta, sen renunciar ao que fixemos, estea ben ou mal. Pero realmente se alguén tivese que buscar un punto en común nesas novelas, sempre sería a procura dun mesmo. Andamos a procurarnos. É a historia do propio ser humano: a busca permanente do eu remexendo no que foi, que non sei se son as raíces, e remexendo no que un pensa que é.

Centrándonos en 'O Cabo do Mundo', canto hai na novela de feito real e de ficción?

Non sabería precisalo, pero moito de cada un. Real é o espazo, os falares, os feitos da represión que están documentados e dos que o protagonista nos vai dando conta na súa investigación. O país enteiro que latexa en cada palabra e en cada aceno da nosa xente é, desde logo, real, moi real. Inventada ou ficticia sería toda a historia principal e unha grande maioría dos personaxes que se moven pola novela, por moito que algúns leven nomes e alcumes de persoas do Saviñao. Pero que tampouco ninguén se equivoque, 'O Cabo do Mundo' conta feitos tan tremendos e crueis coma outros moitos que houbo e que quedaron agochados nas mentes dos represores adscritos a un franquismo sen dó. E nesa época as vinganzas persoais como a do alcalde do Saviñao que se conta na novela estiveron á orde do día.

Presentou 'O Cabo do Mundo' no Círculo de Escairón, que significou ese día?

No Círculo presentei varias das novelas e agradézolle a Sampil e a cantos asistiron e me len o agarimo que me dan. Pero eu nunca ando de promoción, en parte porque teño que traballar e tamén porque son un tanto clandestino da literatura. E realmente non é que non crea niso, porque o libro tamén é un produto de consumo, senón que as circunstancias nas que se move esta suposta literatura galega son, cando menos, bretemosas e provocan en min esta forma de actuar. O galego é un sistema literario que se move arredado do consumo masivo, da publicidade normal, incluso dos cargos políticos que debería apostar polo noso e non o fan.

Precisamente o Círculo tivo que suspender a presentación da obra de Antonio Nieves, O Narote, 'Una lucha incansable' para non ferir as sensibilidades dalgúns socios. É complicado falar dos anos da Guerra Civil en Escairón?

Resulta triste e sorprendente esta especie de censura nos nosos días. Pero creo que, cando menos para min, non é complicado falar dos temas da represión no Saviñao. Aquí houbo represión e houbo mortos, coma en todos lados, e teñen nome e apelido, o mesmo que o tiñan os represores. Punto. O que si teño claro é que hoxe ningún fillo ou filla, neto ou neta dun represor ou dun asasino é culpable do que fixo seu pai ou avó.

Cambiando radicalmente de tema, como está o oficio de escritor? Que pasa para que alguén coma Suso de Toro abandone?

O oficio que nomeas en Galicia non existe como tal. Oficio para vivir del, refírome. A non ser que publiques tamén en castelán, aquí é imposible subsistir coa literatura. Acontece que en galego non se le moito, non se publica moito, non se merca moita literatura. Semella como se o noso non se quixese potenciar, como se non se quixese apoiar por ser precisamente o noso. E iso que hai magníficos creadores e persoas intelectualmente moi válidas. Este proceder suicida da nosa cultura fala moi pouco de nós como pobo que quere ou debería afirmarse e subsistir. Non sei se é algo que vai nos xenes ou é un complexo do que non nos damos desprendido. Por iso vemos que calquera 'libraco' de fóra e en castelán que se promocione deseguido se merca e se le, e interesantísimas obras dos nosos autores pasan desapercibidas. Somos así de submisos e pailáns. E xa non digamos os que nos mandan, que semella que nunca leron un libro dos nosos creadores.

Creo que ten un pasado vinculado ó mundo do fútbol.

Non se pode renunciar ao que fuches, pois fica na memoria, e moito máis falando de fútbol. Certamente xoguei ao fútbol, desde que era cativo e caneaba carballos na Devesa de Escairón ata hoxe, pois sigo en veteranos. O deporte sempre formou parte da miña vida. E do meu paso por equipos como o Calasancio, o Lemos, o Flavia e o mesmo o Spórting de Xixón teño lembranzas, unhas moi boas e outras menos boas, e aínda manteño amigos de todas esas etapas.

Exerceu de xogador e adestrador do Atlético Escairón...

Foron tres tempadas intensísimas, desde logo. Moi recordadas polos anais do fútbol do Saviñao. E non o digo polo do ascenso a Preferente, do que eu nunca fun moi partidario, pois estaba fóra do alcance dun equipo tan cativo sosternos aí, senón polo que cambiamos como sistema futbolístico no propio pobo. Eu daquela andaba sacando os títulos de adestrador e puxen en práctica un adestramento metódico e constante ao que os xogadores, case todos de alí, responderon con intelixencia, vindo a adestrar e recibindo os premios polo seu esforzo e dedicación en forma de resultados. Era difícil gañarnos.


DE PRETO


«Que te lean debe ser a pretensión máxima dun escritor»
'O Cabo do Mundo' foi premio da Crítica e 'Atuado na Braña' levou o Losada Diéguez e foi finalista do Xerais. Cal é o valor dos premios?
O Losada Diéguez e o Xerais hai que valoralos na súa xusta medida, porque eu non me presentei a eles senón que se escollen as mellores novelas publicadas, e porque os conceden persoas independentes. E en canto ao Premio da Crítica 2010, ten unha gran repercusión. El só xa fixo que se chegase á segunda edición e que moita xente lea esta novela. E que te lean debe ser a pretensión máxima do escritor.

Un lugar para vivir.
Galiza, digámolo así.

Un lugar para escribir.

A Cima do Alle, unha aldea do Deza.

Un libro, que non sexa seu.

Entre moitos, 'Juegos de la edad tardía', de Luis Landero.

Un autor.
Luis Landero e Vargas Llosa.

Unha lingua.
Esta pregunta é unha ofensa para un galego.

Un viño.
O mencía do meu amigo Telmo, colleita propia.

Unha comida.
Unha non, un cento e moi nosas: empanada de liscos, castañas asadas, zarrotas, frebas…

Que fai Xabier Quiroga cando non escribe ou non está no instituto?
Deporte, familia, e sentir. É importante sentir..