Zeca Afonso - Canção de embalar





JOSÉ AFONSO (Aveiro, 2-VIII-1929; Azeitão, 23-II-87) Cantor, poeta e compositor antifascista portugués que tivo unha notable influencia na música e canción populares en Galicia a partir dos anos 70. Logo dunha infancia a cabalo entre África (Angola e Mozambique) e a metrópole, instálase na casa dunha tía en Coimbra onde coñece ó guitarrista Antonio Portugal. En 1949 comeza a destacar como cantor de fado de Coimbra, modalidade musical exclusiva da zona. Contacta alí con nomes importantes da vida académica e con músicos non profesionais como o guitarrista Flavio Rodrigues (barbeiro) ou Cristina Matos (cantadeira popular). Viaxa en 1952 a Galicia por primeira vez como membro da Tuna de Coimbra, visita que non lle dá oportunidade de contactar coa realidade galega. Inicia unha atribulada carreira de profesor de ensino secundario que o leva por varios puntos do país. En 1958 grava o seu primeiro disco, Baladas de Coimbra, con temas alleos, propios do xénero, e participa en Lagos no movemento creado en torno da candidatura do xeneral Humberto Delgado ás eleccións presidenciais (o xeneral sen medo sería asasinado pola PIDE, policía política do réxime de Salazar, en terras de Badaxoz en febreiro de 1963). O Zeca, como se lle coñecía popularmente, grava Balada de Outono, primeiro disco con temas propios, que pode considerarse como o primeiro fito da revolución musical que se estaba xestando en Portugal. En 1960 o movemento democrático estudiantil de Coimbra axítase e as cancións Os Vampiros de J.A. e Trova do tempo que passa de Adriano Correia de Oliveira convértense en auténticos himnos de liberación.
Marcha a Mozambique como profesor de Instituto en 1964 e alí colabora co Teatro Experimental de Beira, para o que ilustra a peza A excepción e a regra de B. Brecht. Desenvolve unha intensa actividade política xunto ós seus alumnos dos cuarteis do exército colonial e do Centro Asociativo de Lourenzo Marques. El mesmo diría que o seu bautismo político comezou en África: “Estaba a dous pasos do oprimido”. De volta a Portugal instálase en Setúbal. É o ano 1967 e o Zeca é expulsado do ensino público. Isto obrígalle a malvivir e manter a duras penas os catro fillos que ten con clases particulares e co pequeno xornal que consegue gracias a gravar regularmente discos. Ese mesmo ano sae o seu primeiro L.P., Baladas e canções, e publica o primeiro libro de poemas, Cantares (Lisboa). Intensifica a súa actividade política na Liga de Unidade e Acção Revolucionária (LUAR) e en sectores próximos ó Partido Comunista Portugués. Do ano 1968 é o disco Cantares do Andarilho e do 1969, Contos velhos, rumos novos. En 1970 viaxa a Cuba, publica o segundo dos seus libros, Cantar de novo (Tomar), e grava Traz outro amigo também. Nos anos 1969, 70 e 71 a Casa da Imprensa de Lisboa concédelle o premio ó mellor disco do ano e nos anos 1970, 71, 72 e 73 o de mellor intérprete. Durante o ano 1971 é preso pola PIDE en diversas ocasións e algunhas das súas cancións son prohibidas.
Grava en París Cantigas do Maio, no que inclúe o tema Grândola, vila morena, con arranxos e dirección musical de José Mário Branco. O disco supón unha revolución formal e representará un punto de referencia para toda a nova música popular portuguesa.
Visita Galicia por primeira vez convidado para cantar en 1972. Os días 8, 9 e 10 de maio canta en Ourense, Lugo e Santiago respectivamente. Acompáñao á guitarra e ás voces Benedicto, cantor galego que traballará con el ata o ano 1974. O recital de Santiago, no Burgo das Nacións, sede daquela da Facultade de CC. Económicas, é especialmente importante. Fai a presentación Emilio Pérez Touriño como delegado da Facultade. É a primeira vez que canta nun recital individual diante dun público tan numeroso e tamén a primeira que canta en público a Grândola, vila morena. Queda impresionado da receptividade do público galego e repetirá ó longo dos anos que foi un dos mellores recitais da súa vida. Toma contacto coa literatura galega e séntese especialmente atraído por Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro. Canta por primeira vez en Asturias no Centro Cultural de Mieres e na Fiesta de la Cultura de Xixón. É elixido por votación popular para representar a Portugal no VII Festival Internacional da Canção Popular coa canción A morte saiu á rúa adicada ó escultor Días Coelho, asasinado pola PIDE. Grava en Madrid Eu vou ser como a toupeira. Volve a cantar en Galicia en marzo de 1973, traendo como convidados a cantar ós tamén portugueses José Jorge Letría, Manuel Freire e Francisco Fanhais. O recital de Lugo non se pode realizar por prohibición gobernativa pero o Zeca non faltará ata que as forzas llo permitan ás citas frecuentes co público galego, facéndose acompañar sempre por novos músicos e cantantes. Repítese, durante o verán, a actuación en Asturias na Fiesta de la Cultura de Xixón. A este ano corresponde o disco Venham mais cinco. O 29 de marzo de 1974 celébrase no Coliseu de Lisboa o Encontro da Canção Portuguesa; a censura só permite que J.A. cante dúas cancións: Milho Verde e Grândola, vila morena. O público pídelle que repita unha e outra vez Grândola. Poucos días antes do Golpe dos Capitães canta en Santiago.
O 25 de abril cólleo en Lisboa durmindo na casa dun amigo que lle dera refuxio porque a PIDE quería prendelo. Non dá creto ó que ve ata prensencia-lo asalto á sede da propia PIDE. Tampouco é consciente do fenómeno que significa ter sido usada a Gândola como contraseña do golpe ata que as diversas intentonas involucionistas posteriores fan que o pobo use a canción como arma democrática. A partir dese momento, a actividade do Zeca Afonso multiplícase tanto dentro como fóra do país, axudando ás incipientes cooperativas agrarias, consolidando as liberdades, nun exercicio lúcido e total da entrega solidaria da súa existencia, como home e como artista. Na fin dese ano crucial grava Coro dos Tribunais.
Tamén ese ano impulsa, xunto cos compañeiros de canción (entre os que estaban J. Mário Branco, Adriano Correia de Oliveira, Vitorino, Júlio Pereira, Fausto e Luís Cilia) o Colectivo de Acção Cultural coa finalidade de loitar colectivamente polas reivindicacións dos traballadores e do movemento democrático popular. En 1975 publícanse outros dous libros, distintos pero co mesmo título, José Afonso; un en Lisboa e outro en Madrid (Ed. Júcar) Ámbolos dous son da autoría de J. Viale Moutinho e conteñen un importante apartado poético. En 1976 publica o disco Com as minhas tamanquinhas e recibe en Alemaña o Premio Internacional de Folclore da Academia Fonográfica Alemana. Sempre á marxe de militancia partidaria, apoia as candidaturas de Otelo Saraiva de Carvalho para a Presidencia da República en 1976 e 1980. O disco de 1977 é Enquanto há força e o do 78, Fura fura. A última actuación do Zeca en Galicia prodúcese no verán de 1979, no Parque de Castrelos de Vigo, acompañado, entre outros, por Júlio Pereira. En 1980 publica o libro de poemas Quadras Populares (Lisboa).
A súa actividade é contínua e intensísima ata que no ano 82 os primeiros síntomas da enfermidade impídenlle toca-la guitarra, unha esclerose lateral amiotrópica que destrúe dun xeito lento e progresivo todo o tecido muscular. Os médicos que visita en Romania, Inglaterra ou EE.UU. non son quen de atalla-la doenza. Sacando forzas do fondo do espírito, Zeca Afonso publica en 1983 o libro Textos e Canções (Lisboa), que contén a totalidade da súa obra e dous discos: Ao vivo no Coliseu (gravado no Coliseo de Lisboa nun espectáculo que representou unha espléndida mostra do respecto e admiración popular, política e musical) e Como se fora seu filho. Tamén nese ano, o xornalista Viriato Teles publica Zeca Afonso. As voltas de um andarilho, cunha ampla entrevista con JA No ano 1984, e aproveitando tamén a forma dunha longa serie de entrevistas, sae á rúa o libro Livra-te do medo. Estórias e andanças do Zeca Afonso, de José A. Salvador. En 1985 apoia a María Lourdes Pintassilgo como candidata á Presidencia da República e grava o último disco, Galinhas do mato, no que J.A. interpreta só dous temas gravados con anterioridade.
O 23 de febreiro de 1987 morre en Setúbal deixando un cento de cancións por rematar e un pobo orfo que o acompañou ata o final nunha impresionante manifestación popular.
Repercusión de J.A. en Galicia. O 31 de agosto de 1985 celebrouse no Parque de Castrelos de Vigo unha homenaxe co título de Galiza a José Afonso, organizada pola Federación de Asociacións Culturais e Xuventudes Musicais e patrocinado polo semanario A Nosa Terra, no que participaron numerosos músicos e cantores, galegos, portugueses, africanos e de Timor-Leste.
Para aquela ocasión o propio Zeca enviou unha gravación na que dicía: “... Aproveito esta oportunidade para unha vez máis afirma-la minha grande amizade pola terra e o pobo galegos, cos que ó longo dos anos mantiven as mellores relacións, e para manifestar tamén a miña enteira solidariedade coa loita polo recoñecemento efectivo da lingua e cultura galegas como unha das máis ricas da península...”
Do 25 de abril ó 23 de maio de 1987 celebráronse moi diversos actos (conferencias, concertos, recitais, publicacións, etc.) en toda Galicia baixo o título xenérico de Enquanto há força, organizados por un grupo de amigos e amigas do Zeca. Milleiros de persoas asistiron ós actos e milleiros de nenos e nenas galegos traballaron nas súas escolas unha unidade didáctica, José Afonso, preparada ó efecto.
No mes de decembro de 1994 a exposición José Afonso, andarilho, poeta e cantor estivo presente no Colexio de Fonseca de Santiago. A mostra, coorganizada pola Associação José Afonso, a Fundación 10 de Marzo e a Universidade de Santiago, contou con numerosísimo público que deixou constancia das súas impresións nun libro disposto para tal fin. Unha exposición máis reducida e co mesmo título circula desde entón polos centros de ensino de Galicia.
O 8 de maio de 1997 celebráronse unha serie de actos para conmemora-los 25 anos de Grândola, vila morena, e descubriuse unha placa conmemorativa polo alcalde de Santiago, Xerardo Estévez, no Auditorio de Galicia, no lugar onde estivera o escenario da estrea da emblemática canción. Ademais, a Banda Municipal de Música volveu interpreta-lo tema, xunto co público asistente ó acto de homenaxe que se celebrou, e a Facultade de CC. Económicas decidiu pórlle o nome de José Afonso á súa Aula Magna.
Son innumerables os músicos e cantores galegos que interpretaron ou interpretan directamente temas de Zeca Afonso ou que admiten ter bebido na súa obra como inspiración directa, en primeiro lugar o propio Benedicto, acompañante e amigo, Bibiano, Uxía, Candieira, Luar na Lubre e un longo etcétera.
Repercusión de Galicia en J.A. Nada mellor que as súas propias palabras para defini-lo que sentía por este país: “Galicia é para min tamén unha especie de patria espiritual...” “Foi a experiencia máis marabillosa. Algo especial. Tal vez ninguén me entendeu como en Galicia.”Bibl.: VV.AA., José Afonso. Unidade didáctica, Santiago, 1987; VV.AA., José Afonso, andarilho, poeta e cantor, Santiago, 1994; José A. Salvador José Afonso, o rosto da utopía, Lisboa, 1999. (B.G.V.)
Benedicto García Villar



José Afonso acompañado por Benedicto no Círculo Mercantil de Santiago en marzo de 1983