Xa esta aquí.
É coma esa xata que non empreña, cando contabas co becerro e co leite para erguerte con alegría todas as mañás.
E esa que de xuvenca prometía moito: É a miña xuvenca, decíaslle a teu pai, e vai ser coma a Parda.
A Parda dera leite ata que se vendou para o matadeiro, e tiña unha mirada moi triste naqueles ollos inmensos.
Os nenos tirabamoslle dos tetos e xogabamos ó escondite no medio das súas patas.
Eran tempos nos que o leite se medía por canadas (dous litros) e a vida era un paquetiño moi ben empaquetado ó que lle empezabas a quitar o cordón lacrado que o envolvía.
Os tronos eran berros que che ensinaban que eras moi pequeno, e a chuvia non mollaba: inseminaba.
E a natureza tiña o seu ciclo, e a xente medíase pola forza da súa palabra: os saltimbanquis non tiñan nada que facer no terreo da xente honesta. Eran eso, saltimbanquis.
O franquismo, como decorado tráxico, non impedía que os caciques daquel Réximen se tentasen os machos diante da xente con honra.
No rural había unha lei non escrita pero transmitida pola historia familiar secular: Non sei como será el, decía moitas veces miña nai, pero é de moi boa xente.
Pero sucedeu que, aínda que o Dictador morreu de vello na cama, entre uns e outros chimpamos aquel decorado infame. E pensamos que alboreaba unha Galicia distinta e unha España distinta.
Pero non foi así: Franco foi dando paso pouco a pouco a que tomasen o poder aqueles saltimbanquis de outros tempos.
¡A xente terá coraxe para paralos!, pensabamos algúns ó principio.
Nada.
Cero.
Do franquismo ó goberno da oligarquía saltimbanqui.
Boba.
Iletrada.
Especialista no aceno vigoroso, na pose sería e intelectual.
Por eso este novo ano será duro.
Por eso e porque a oligarquía político-sindical síguese considerando impune despois de arruinar o país e saquear a Banca Pública, que así se lle podía chamar ás Caixas de Aforro. Eles non teñen culpa de nada a pesar de que estaban no Consello de Administración de todas elas.
Son os saltimbanquis, e dar pequenos saltiños diante do rebaño seguirá sendo unha profesión de futuro neste país que no 2013 seguirá tanto ou máis anestesiado que no difunto 2012.
|
|
|
|